Vistas de página en total

domingo, 10 de enero de 2016

SOBREVIVINDO

Pois si. Resulta que o ano pasado tras rematar o meu primeiro libro de microrrelatos e entregalo ao meu editor, decidín rescatar do disco duro a Val Valdés,un personaxe complexo e apaixonante que naceu nun exercicio nun curso de escritura e que me calou fondo dende o primeiro momento. A verdade que o novela por entregas era un certame que eu seguía de cerca polo reto que supoñía cinguir unha historia ás estritas normas das bases da convocatoria: 31 episodios de 3.500 carácteres exactos.
Despois sucedeu o que non esperaba. Sobrevivindo gañou a XV edición do concurso de Novelas por entregas de La Voz de Galicia. E agora Val xa non vive no meu disco duro e podedes atopala na vosa librería de confianza.





Déixovos os recordos deses días de verán, e o discurso de agradecemento que lin na Cea Literaria na que se me concedeu o premio. Seica non é un discurso moi sofisticado. Normal, vindo dunha mamá, funcionaria, esposa, aprendiz de escritora. O que vos aseguro é que foi total e absolutamente sinceiro. Diso se trataba, non?
Son filla da emigración. Nacín no País Vasco. Vivín alí ata a miña adolescencia. Mesmo estudei alí o primeiro ciclo da miña carreira. Como consecuencia disto, mentiría se dixese que o galego é a miña primeira lingua. Porén fun quen de rematar esta novela en galego. Isto non é un mérito meu. Foron os meus pais os que nunca me deixaron esquecer ás miñas orixes. Eu e moitos fillos da emigración vivimos en fogares nos que se falaba galego, nos que se respiraba o galego, lonxe de Galicia. Por iso, o primeiro agradecemento desta noite, é para os meus pais, e para todos aqueles que, coma eles, deixan atrás a nosa terra, pero que non renuncian ao maior expoñente da súa identidade: a lingua propia. A nosa lingua. O galego.
O meu segundo agradecemento, é para Pablo Zaera, o editor que está a piques de publicar o meu primeiro libro de Microrrelatos. A súa confianza no meu traballo, infundiume o valor necesario para presentarme a este concurso. Non é doado para un microrrelatista mergullarse no mundo da novela. Aínda que esta non acade as cen páxinas. Mentres outros  gañadores doutros anos salientaron a dificultade de cinguirse a espazos tan reducidos como os que impoñen as bases desta convocatoria, para min, acostumada a vivir nun micromundo con barreiras que non van máis aló das cen ou duascentas palabras, o verdadeiro reto foi estender os limites da miña escritura. Grazas por este marabilloso formato tan creativo.
O seguinte agradecemento é para a miña familia: para o meu home, aquí presente, Nando, e para as miñas fillas: Xoana e Sabela, que compoñen ese pseudónimo que representou esta novela (Xoabela). Cada verba deste libro foi tempo roubado á miña familia. É fermoso saber que pagou a pena. Non só por min. Espero sinceramente que esta historia sirva para facernos reflexionar sobre esta sociedade que crea personaxes que non son reais. Gocei moito coa protagonista desta historia. Coa loita entre a persoa e o personaxe. Tan só desexo que os lectores de La Voz gocen coma eu gocei.
Finalmente, un último agradecemento ao xornal, La Voz de Galicia e ao patrocinador (Ámbito cultural do Corte Inglés). Grazas de corazón. Porque mañá sucederá algo que levo toda a vida agardando. Mañá mirareime ao espello e poderei dicir: son escritora.






No hay comentarios:

Publicar un comentario